miércoles, 29 de abril de 2020

Traballos das crianzas


Aquí vos deixo algunhas das actividades aquí propostas e que os nenos foron realizando. Hai moitas ben creativas e ocurrentes.

Traballos do BLOG

Xogos tradicionais galegos para tempos de recollida



Achégame o inspirador docente Paco Veiga, unha eminencia do tema en cuestión, este enlace onde podemos atopar excelentes ideas para xogar coas crianzas na casa. Non deixedes de botarlle un ollo, pois actualízase cada día. Gracias de novo, Paco.

XOGOS TRADICIONAIS EN TEMPOS DE RECOLLIDA

Reto 3:Cociñando ideas...



Imos cun novo reto. Neste caso imos facer uso dun dos espazos máis necesarios nun fogar. Falamos da cociña. Ese lugar onde se preparan eses saborosos pratos que nos encantan. Esta vez convídovos a que compartades as delicias que seguro facedes cos vosos maiores. De boa tinta sei que temos na clase uns auténticos/as chefs de primeira.

Que temos que facer? Ademais de compartir con nós o apetitoso resultado, temos que dar tres datos:

1º. Nome do prato.
2º. Ingredientes.
3º. Breve explicación do que se fixo.

Por favor, a axuda de adultos é necesaria e agradecida. Que mellor que preparar algo para comer cos propios comensais!!!

*A fotografía subímola do xeito habitual, cubrindo o formulario da parte inferior desta publicación. Os datos da receita poderédelos facer imprimindo esta ficha ou facéndoa cada un ao seu gusto. As decoracións estrambóticas son benvidas.

jueves, 23 de abril de 2020

Día Internacional do Libro 2020

Aquí vos deixo un pequeno vídeo para fomentar a lectura nun día tan especial como o de hoxe. 
Feliz Día Internacional do Libro.


lunes, 20 de abril de 2020

Cóntame un conto!



Como imos comezar unha das semanas máis fermosas do curso xa que celebramos o 23 de abril, o Día Internacional do Libro, que mellor homenaxe lle podemos facer ao longo desta semana que "darlle marcha ás neuronas" e estimular a nosa creatividade narrativa con cousas de casa. Xa que estamos todos e todas confinados nas nosas casas, imos elixir un obxecto inanimado da nosa casa e darlle vida. Imos contar a súa historia: de onde veu, como chegou, como se usa... Lembra presentárnolo dándolle un nome, pois xa vai deixar de ser unha cousa para chegar a ser un ser animado.

Aquí che vai un exemplo:

"Estaba na tenda coas miñas irmás de árbore e de repente colléronme e leváronme ao almacén, vestíronme un plástico esponxoso e metéronme nun camión. Baixáronme nun portal, subíronme polo ascensor, desvestíronme do plástico e puxéronme no centro do salón. Ao día seguinte puxéronme un manteliño vermello, vasos, pratos, bandexas de canapés... e sentáronse a cear. Cuando remataron, puxéronse a coller unhas uvas e a comelas coas badaladas dun reloxo na tele. Ao final brindaron con champaña. Ao día seguinte quitáronme o mantel e todos os adornos, logo colo´caronme a un lado do salón.
Aí sigo, agardando que sexa Noitevella outra vez.

domingo, 19 de abril de 2020

Poñamos as mans a traballar!




Aquí vos deixo outro vídeo do meu admirado Sergei Urban e a súa canle "The Dad Lab", nesta ocasión con ideas sinxelas para levar a cabo na casa coa rapazada con un material que todos e todas temos na casa: o papel.
Nada mellor que unha tarde de domingo facendo cousas entretidas e que nos axuden a traballar a a psicomotricidade fina.



 

sábado, 18 de abril de 2020

Hoxe toca conto!

Non hai nada mellor que ler(ou ver e escoitar) un conto para relaxarnos un pouco e para reflexionar. nesta ocasión aquí vos deixo a lectura dun conto moi bonito de Julián Fuentes no que poderemos reflexionar sobre a importancia das cousas.

viernes, 17 de abril de 2020

Reto 2: Escritura creativa a través do "Limerick"


Imos con un pouco de escritura creativa. Recurrindo ás ideas do marabilloso e imprescindible Gianni Rodari, convídovos a que creemos uns "Limericks". Un "Limerick" é un tipo de nonsense(sensentido), unha composición poética de cinco versos nos que se conta unha historia de xeito breve. No 1º verso preséntase ao protagonista. No 2º, unha característica ou calidade especial do protagonista. No 3º e 4º, cóntasenos unha acción que o implica. E no 5º, unha especie de epíteto final, a poder ser que sexa un pouco extravagante.

Déixovos un exemplo:

   " Era un vello do charqueiro
     de xorne trivial e choqueiro
     que sentado no cabaz
     cantaba e cantaba cantigas ás ras,
     o didáctivo vello do charqueiro."


Co "Limerick" ten que ir o debuxo que represente o que nel se conta.
Por suposto, que esta actividade requiere dunha axuda de adultos, pero seguro que nos sorprende a creatividade e saleiro dos vosos pequechos e pequechas.



Experimento xeitoso para facer na casa

Facendo uso dos experimentos de Sergei Urban cos seu fillos na web The Dad Lab, aquí vos deixo un que é moi factible para facer na casa e que me chamou especialmente a atención. Consiste en facer un burato nunha superficie de auga e xabón sen que esta se estrague.

 

 Necesitamos:
-Un fío con un nó
-Un arame para facer a base
-Auga
-Xabón concentrado(tipo Fairy, Mistol ou similares)

Tamén existe a versión en libro (moi recomendable). A miña é a edición inglesa, pero xa existe a edición en castelán.

jueves, 16 de abril de 2020

Curtametraxe: Monsterbox

Aquí vos deixo unha curtametraxe na que se ensalza a amizade entre persoas de distintas xeracións pero que moitas veces comparten máis do que pensamos. Actividade: Realiza un debuxo utilizando a técnica que máis gustes amosando un momento que compartas con algunha persoa maior ca ti da túa familia. Un xogo, unha reunión familiar, unha festa,... Súbeo neste formulario que abaixo indico premendo no botón "Take Photo" e xa se activará a cámara do móbil ou tablet, e listo!!!

miércoles, 15 de abril de 2020



   Ola! Benvidos ao blog de Segundo do Pastor Barral. Este espazo foi feito para complementar o traballo que con gran esforzo fan os nosas pequechas e pequechos, e por suposto as súas familias, nestes tempos de confinamento e incertidume.
   Neste espazo imos proporcionar ideas, retos, actividades alternativas, proxectos e máis cousas que terán como único fin aportar un plus á adquisición das competencias básicas establecidas para esta etapa educativa(Educación Primaria) en xeral e para este nivel(2º de Primaria) en particular.




martes, 14 de abril de 2020

Reto 1: Os números na miña casa.






   Como ben sabes, na nosa casa estamos arrodeados de números por todos os sitios. Máis do que pensas. Tes aquí este reto para que investiguemos xuntos onde e para que son estes números que atopas.
   Coa axuda dos teus pais ou algún adulto que teñas na casa, e co seu móbil ou tablet, preme o botón "take photo" e poderedes facer a foto a ese número que queirades compartir.
Lembrade cubrir o formulario co voso nome, apelido e curso. Tamén, no espazo que tedes no formulario, debedes contarnos para que serven os números que me enviades. unha vez cuberto o formulario, xa me chega a min a vos resposta. Ao día seguinte veremos os resultados.

Tedes esta semana para a realización desta actividade.